Acceso a usuarios
¿Olvidó su contraseña?
Acceso a usuarios
¿Olvidó su contraseña?

Bienvenidos a ALUVIME

Asociación Lucense de Visitadores Médicos

ESTATUTOS

DENOMINACIÓN, ÁMBITO E DOMICILIO

 

 

 

TÍTULO I

 

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

 

 

Art.- 1º

Constitúese no Concello de Lugo, unha Asociación que se denominará: ASOCIACIÓN “LUCENSE DE VISITADORES MÉDICOS”, e  que se rexerá pola vixente Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais lexislación existente en materia de Asociación que lle sexa aplicable, dentro do marco da Constitución e do resto do Ordenamento Xurídico.

 

A Asociación gozará de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar necesaria para o cumprimento dos seus fins.

 

Art.- 2º

Son fins da Asociación:

 

  1. Representar, promover e defender os intereses profesionais dos seus membros.
  2. Fomentar a dignidade e decoro profesional, reprimindo o intrusismo e a competencia desleal.
  3. Prestar aos seus membros funcións de asesoramento e orientación.
  4. Implantar servizos asistenciais de carácter social, cultural e profesional.
  5. Favorecer a creación dunha Escola Profesional de Visitadores a Médicos para o seu perfeccionamento técnico e dignificación profesional.
  6. Interesar dos Organismos competentes que se promulgue unha regulamentación que fixe os requisitos e condicións para o acceso ó exercicio da profesión de visitadores médicos, sen prexuízo do respecto os dereitos xa adquiridos por tódolos profesionais nesta rama de produción
  7. Defender na forma que sexa precisa a xustiza social.
  8. A asociación non ten fins lucrativos nin está sometida a ningún réxime asociativo específico.

 

Art.- 3º (modificación Reforma 2024)

    O domicilio da Asociación radicará na cidade de Lugo, Rúa Monforte, 9 Entresuelo 27003. Lugo

 

 

 

 

Art.- 4º

    A Asociación desenvolverá as súas actividades dentro do ámbito territorial da provincia de Lugo e a súa duración será indefinida e solo se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral convocada ao efecto e por calquera das causas previstas nas leis así como por sentencia xudicial firme.

 

Art.- 5º

   A Xunta Directiva, como órgano de representación da asociación, será competente para interpretar os preceptos contidos nos Estatutos, someténdose en todo momento á normativa legal vixente en materia de Asociacións.

Os presentes Estatutos desenvolveranse e cumpriranse mediante acordos que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dentro das súas respectivas competencias.

 

TITULO II

 

DOS ÓRGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN

 

Art. -6º

    A Dirección e Administración da Asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

 

Art.- 7º

 O Presidente da Asociación, que o será tamén da Xunta Directiva, asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e da Asemblea Xeral, presidindo as sesión que celebren unha e outra.

 

Art.- 8º

    A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación e, de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral, estará formada por un Presidente, un Vicepresidente ( que substituirá ó primeiro en caso de ausencia), un Tesoureiro, un Secretario Xeral e un mínimo de 3 e un máximo de 5 vocais, recalando a substitución do tesoureiro e do secretario na figura dun dos vocais naqueles supostos de ausencia, enfermidade ou vacante.

 

 Solo poderán formar parte da Xunta Directiva aquelas persoas que ostenten a condición de asociados, que sexan maiores de idade, teñan o pleno uso dos dereitos civís e non estean incursos nos motivos de incompatibilidade establecidos na lexislación vixente.

 

 

Art.- 9º(modificación reforma 2019)

            Os cargos que compoñen a Xunta Directiva elixiranse de entre aquelas persoas que ostentan a condición  de asociados, que sexan maiores de idade, teñan pleno uso dos seus dereitos civís e non estean incursos nos motivos  de incompatibilidade establecidos na lexislación vixente.

 

 

 

 

            Abrirase un prazo de presentación de candidaturas para as eleccións á Xunta Directiva, desde 30 días antes ata o da anterior á celebración da Asemblea Extraordinaria, convocada para á elección da Xunta Directiva.

 

            De non haber candidaturas, a Asemblea Xeral elixirá presidente e este á súa vez nomeará a Xunta Directiva.

 

            A duración dos cargos da Xunta Directiva será de dous anos.

 

Art.- 10º

            Non se fixa unha retribución económica para os membros da Xunta Directiva.

 

Art.- 11º

            A Xunta Directiva terá as seguintes facultades e funcións:

 

            a.- A execución e cumprimento dos acordos da Asemblea Xeral;

            b.- Realizar e dirixir as actividades da Asociación necesarias para o exercicio e desenrolo dos seus fins.

            c.- Propoñer á Asemblea Xeral os programas de actuacións xeral e específicos, e realizar os xa aprobados, dando conta do seu cumprimento á Asemblea Xeral.

            d.- Elixir entre os seus compoñentes  ó Secretario, Tesoureiro, así como os respectivos suplentes e vocais.

            e.- Presentar a Asemblea Xeral os orzamentos, balances, liquidacións de contas e propostas de cotas para a súa aprobación.

            f.- Elaborar a memoria anual de actividades, someténdoa para a súa aprobación á Asemblea Xeral.

            g.- Decidir en  materia de cobros e ordenación de pagos, e expedición de libramentos.

            h.- Inspeccionar a contabilidades, así como a mecánica de cobros e pagos, sen prexuizo das facultades do contador e do tesoureiro.

            i.- Inspeccionar o velar pólo normal funcionamento dos servizos.

            j.- Contratar empréstitos e hipotecas, aceptar ou rexeitar herdanzas, legados e donación e concluír toda clase de contratos de bens e servizos, exercicio de accións e outorgamento de poderes, precisando para a contratación de prestamos, créditos e hipotecas, a autorización expresa da Asemblea Xeral a tal fin.

            k.- Realizar informes e estudios de interés para os afiliados.

            l.- En casos de extrema urxencia, adoptar decisións sobre asuntos cuxa competencia corresponde á Asemblea Xeral, dando conta delo na primeira sesión que se celebre.

            m.- Autorizar ou denegar a alta das persoas que soliciten ser incorporados como novos socios.

            n.- Asumir o exercicio da potestade disciplinaria.

 

Art. 12ª (modificación reforma 2019)

            A Xunta Directiva reunirase en sesión ordinaria, alomenos trimestralmente. Tamén se reunirá en  sesión extraordinaria nos casos en que o solicite unha terceira parte dos seus compoñentes ou o decida o Presidente por iniciativa propia. Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, pólo Vicepresidente e, a falta de ámbolos dous, pólo membro da Xunta Directiva que teña máis idade.

 

            A Xunta Directiva considerarse validamente constituída cando concorran á reunión a metade máis un dos seus membros, e estea presente o Presidente e o Secretario, ou quen expresamente os substitúan. Para a determinación de si está ou non validamente constituída non se terá en conta no cómputo  dos asistentes os vocais de xubilados e de parados, ó ser vocais sen dereito a voto.

            O Presidente da Xunta Directiva, que será o da Asociación, convocará os seus membros, sempre que sexa posible, con cinco días naturais de antelación á data fixada para a reunión, coa remisión da Orde do día comprensiva dos asuntos a tratar. Por razóns de urxencia poderán tratarse asuntos non incluídos na citada Orden do día.

 

            A asistencia ás reunións da Xunta Directiva por parte dos seus compoñentes é obrigatoria, tanto para as ordinarias como para as extraordinarias, quedando facultado o Presidente para cesar a calquera compoñente que, non asistindo  a tres reunións consecutivas ou cinco alternativas, non presente a xuízo da Xunta Directiva  un xustificante válido de ditas ausencias.

 

            Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola metade mais un dos votos dos asistentes. Das sesións o Secretario, ou no seu defecto o Vicesecretario, levantará acta que se transcribirá o Libro de Actas no que constarán as discursións e os acordos, tanto ordinarios como extraordinarios.

 

Art.- 13º

            Os membros da Xunta Directiva presidirán as Comisións que a propia Xunta acorde constituír, con fin de delegar a preparación de determinados actos ou actividades, ou de demandar das mesmas as información necesarias. Formarán parte, ademais , de ditas Comisións o número de Vocais que acorde a  Xunta Directiva a proposta dos seus respectivos presidentes.

            Cando a finalidade da Comisión, ou unha das finalidades da mesma, sexa organizar actividades ou actos dirixidos a socios xubilados, será o vocal de xubilados o que asuma a tarefa de organización da mesma, servindo de enlace comunicador cós restantes socios xubilados para expoñer á Comisión as demandas e preferencias do colectivo e, na súa virtude, organizar actividades ou actos que dean cumprimento ás mesmas.

 

Art.- 14º

            O Presidente de Xunta Directiva terá, ademais das facultades asignadas no Art.- 7º, as seguintes atribucións:

            a) Convocar e levanta-las sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e doutra, decidindo con voto de calidade no caso de empate.

            b) Propoñer o plano de actividades da Asociación a Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.

            c)Ordenar os pagamentos acordados validamente.

            d) Representar á Asociación, subscribir contratos e outorgar poderes e executar toda clase de accións, coa debida autorización da Xunta Directiva.

            e) Render anualmente informe da súa actuación e da Asemblea Xeral.

            f) Propoñer á Xunta Directiva o nomeamento de cargos técnicos que sexan necesarios para as actividades da Asociación.

            g) O Presidente estará asistido nas súas funcións pólo Vicepresidente, que ademais o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

 

Art.- 15º

            O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, dando traslado das mesmas ó Presidente para a súa resolución; levará o ficheiro do Libro de Rexistro de Socios e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidades. Asimesmo, levantará acta das reunións que celebren os órganos da mesma e terá ao seu cargo a dirección do persoal e dos servizos, observando en  todo momento que se da cumprimento ós presentes Estatutos. Auxiliará nas súas funcións e substituirao nas súas ausencias o vocal designado a tal fin pola propia Xunta Directiva.

 

Art.- 16º

            O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación de cara ó cumprimento das ordes de pagamento que expida o Presidente. Así mesmo, formalizará o presuposto anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do anos anterior, que deben ser presentada á  Xunta Directiva, para que esta á súa vez, os someta a aprobación da Asemblea Xeral.

 

Art.- 17ª

            Cada un dos compoñentes de Xunta Directiva, terá deberes propios do seu cargo, así como os que nazan das delegacións ou comisións que a propia Xunta lles encomende, observando sempre no seu cumprimento o disposto nos presentes Estatutos.

 

            Incumbirá de maneira concreta o Secretario, no seu caso, ó vocal que o substitúa, velar polo cumprimento das disposicións legais vixentes en materia de Asociacións, custodiar a documentación oficial da entidade e facendo que cursen a Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as comunicacións sobre designación da Xunta Directiva celebración de Asembleas  Xerais, formalización do estado de contas e aprobación dos presupostos anuais.

 

Art.- 18º

            A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación integrada polos asociados que teñan satisfeitas as cotas fixadas regulamentariamente, que adopta os seus acordos polo principio maioritario de maioría simple, salvo nos casos en que expresamente se esixa nos estatutos a maioría cualificada.

 

            A Asemblea, validamente constituída, é o órgano soberano da Asociación e os seus acordos, adoptados con arregro a estes Estatutos, son obrigatorios para todos os asociados.

 

            Obrigatoriamente a Asemblea Xeral deberá ser convocada en sesión ordinaria pólo menos unha vez ó ano para aprobar o plano Xeral de actuación da Asociación, censurar ou ratificar a xestión da Xunta Directiva, aprobar, no seu caso os presupostos anuais de ingresos e gastos, así como o estado de contas correspondentes ó ano anterior e cantas outras se sometan a votación no capítulo de rogos e preguntas.

 

 

Art.- 19ª

            A Asemblea Xeral convocarase pola Xunta Directiva, con carácter extraordinario, cando o esixan as disposicións vixentes, o acorden os membros da Xunta Directiva ou o solicite un número de asociados non inferior ó 10 por 100 e, en todo caso para a modificación dos Estatutos así como para elixir os membros da Xunta Directiva, disposición ou allanamento de bens, disolución da Asociación, expulsión de asociados a proposta da Xunta Directiva, aprobación do regulamento de réxime interno da asociación  e a solicitude da Declaración de Utilidade Pública. Tamén é da súa competencia a Constitución de Federacións, Confederacións ou Unións ou a súa integración nelas.

 

Art. – 20º

            As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, serán feitas por escrito, expresando o lugar, data e hora da reunión, así como a orde do día. Dita notificación irá asinada polo Presidente, entre a primeira convocatoria e o día da reunión, deberán mediar polo menos quince días naturais; a segunda convocatoria realizarase media hora mais tarde da primeira.

           

            Así mesmo incluiranse na orde do día das convocatorias aqueles asuntos propostos por un número de asociados da asociación non inferior ó 10 por 100, que as presentarán perante o Secretario da Xunta Directiva cunha antelación mínima de sete dias a celebración das sesións das Asembleas Xerais. Así mesmo incluirase calquera iniciativa que aínda estando apoiada por menos do 10% dos asociados da Xunta Directiva considere que é de sumo interes para a Asociación.

 

            Finalmente, por razóns de urxencia, poderán tratarse na reunión temas  propostos no curso da mesma se así o decide un mínimo do 30 por cento dos asistentes a mesma.

 

            A Presidencia de tódalas Asembleas Xerais correspóndelle ó Presidente da Asociación e, en ausencia deste, ó Vicepresidente.

 

            A mesa da Asemblea quedará  integrada polo Presidente da Asociación e dous vocais designados pola Xunta Directiva en turno rotatorio, e actuará como Secretario o da propia Xunta Directiva.

 

Art.- 21º ( sen contido reforma 2019)

           

Art.- 22ª

            As Asembleas Xerais Ordinarias ou Extraordinarias quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria, cando concorran a elas presentes ou representados un terzo dos asociados, e en segunda convocatoria cando asistan a décima parte dos mesmos.

 

Art.- 23º

            Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por a maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen aos negativos. Non obstante requiriran maioría cualificada das dúas terceiras partes das persoas presentes ou representadas os acordos relativos á solicitude de disolución da Asociación, modificación dos Estatutos e disposición ou alleamento de bens.

 

Art.- 24º

            A Xunta Directiva resérvase o dereito de decisión sobre situacións non contempladas nestes Estatutos, sempre que non sexan incompatibles coas xa existentes e non estean en contradición coa Lei vixente reguladora do dereito de asociación o demais disposicións regulamentarias que a desenvolvan.

 

Art.- 25º

            Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

 

Art.- 26ª

            A Asociación disporá dunha relación actualizada dos seus asociados, levará unha contabilidade que reflicta a imaxe fiel do patrimonio do resultado e da situación financieina da entidade, así como as actividades realizadas, efectuará un inventario dos seus bens e recollerá nun libro de Actas as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.

 

TITULO III

 

DOS ASOCIADOS DEREITOS E OBRIGAS

 

Art.- 27º

            Poderán ser membros da Asociación, libre e voluntariamente os traballadores que presten os seus servizos no ámbito territorial desta e que exerzan a profesión en exclusiva de Visitadores Médicos na provincia de Lugo, coa soa condición de observar os presentes estatutos, así como os que dalgunha maneira teñan interese en servilos fins da mesma e sexan admitidos pola Xunta Directiva, a cal poderá outorgalo nomeamento de membro honorario as persoas que estime oportuno, a título meramente honorífico sen que iso leve consigo a condición xurídica de asociado.

 

            As persoas físicas deberán ter capacidade de obrar e non estarán suxeitas a ningunha condición legal para o exercicio do dereito, os menores non emancipados de máis de catorce anos necesitarán o consentimento documentalmente acreditado, das persoas que deban suplila súa capacidade.

 

            As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán, para formar parte da Asociación, o acordo expreso do seu órgano competente e as de natureza institucional o acordo do seu órgano reitor.

 

Art. 28º (modificación  reforma  2019)

            Aquelas persoas que desexen pertencer á Asociación, deberán desempeñar a función de visitador médico acreditando tal extremo; cumprido este requisito deberán solicitar a pertenza á asociación mediante un escrito dirixido ó Presidente, aportando coa súa solicitude tódolos documentos que se lle indiquen pola Asociación, e será o Presidente o que dará conta da súa solicitude á Xunta Directiva. Será  a Xunta Directiva o órgano que resolverá finalmente sobre a súa admisión.

      Unha vez se lles comunique a súa admisión como novo socio, informaráselles das normas de funcionamento da asociación,  entregándoselles a documentación necesaria para o desempeño das súas funcións, así como unha copia dos presentes estatutos.Dende o momento desta comunicación disporán dun prazo de 15 días naturais para notificar fehacientemente á asociación o seu desexo de continuar como socio ou darse de baixa, de modo que a ausencia de notificación expresa, será interpretada como unha mostra de conformidade cos estatutos que rexen a Asociación de de continuidades como socio da mesma.

           

 

 

Art. 29º

            Os asociados poderán solicita-la súa baixa na Asociación voluntariamente, en calquera tempo, pero isto non lles eximirá de satisfacer as obrigas que teñan pendentes con ela, debendo en todo caso notificar a solicitude de baixa por escrito á Xunta directiva cunha antelación de dez días hábiles á data da baixa.

 

            As baixas e altas dos socios faranse constar nun libro ó efecto que será cumprimentado polo Secretario da Xunta Directiva.

 

Art. 30º (modificación reforma 2019)

   Os asociados poderán clasificarse en activos ,excedentes e non activos.

 

   Serán socios activos os que estean a traballar para un ou varios laboratorios e conforme a programación confeccionada e/ou proporcionada pola Asociación de Visitadores Médicos de Lugo. Os socios activos aboarán o 100% da cota de socio.

 

  Consideraranse socios excedentes aqueles que deixen de exercer a actividade de visitador no ámbito da programación da asociación de Lugo podendo recuperar a súa condición de socio activo en calquera momento a través de escrito de solicitude dirixido á Xunta Directiva de Aluvime, non precisando realizar importe de alta como socio. A cota mensual como socio excedente será do 20% da establecida para os socios activos.

 

   Estarán en situación de socios non activos exclusivamente aqueles socios que pasen á condición de xubilados da asociación. Igualmente a  súa  cota corresponderá con 20% da establecida para os socios activos.

 

     Os socios excedentes e non activos, ó igual que os socios activos, poderán disfrutar dos beneficios sociais que poida aportarlles esta asociación.

 

Art. 31º

            A Xunta Directiva poderá separar ou expulsar da Asociación a aqueles asociados que os fagan indignos de seguir pertencendo á mesma, así como adoptar calquera outra medida disciplinaria contra aqueles. A separación ou expulsión, así como calquera outra medida disciplinaria adoptada, será precedida de expediente no que deberá ser oído o interesado, o cal será informado dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a  sanción.  Este acordo en todo caso deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e contra a  súa resolución poderase recorrer perante a xurisdición ordinaria.

 

            As causas que motivarán a expulsión dun socios son as seguintes:

            a.- Incumprimento dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral ou pola Xunta Directiva na esfera das súas respectivas competencias.

            b.- Incumprimento das obrigas establecidas nos Estatutos.

            c.- Incumprimento das obrigas económicas que para o  sostemento da Asociación se teñan fixado estatutariamente.

            d.- A comisión reiterada de faltas graves ou moi graves

 

           

As causas que motivarán a perda da condición de socio son as seguintes:

            1.- Baixa voluntaria nos termos previstos nestes Estatutos.

            2.- Falecemento do titular.

            3.- Cese na actividade de Visitador Médico, cese que deberá ser comunicado á Xunta Directiva polo socio.

 

Art. 32ª

            Para elixir postos directivos e para ser elixido, e preciso gozar de plena capacidade xurídica e de obrar e estar ó corrente no pago das cotas da Asociación.

 

TITULO IV

RÉXIME ECONÓMICO

 

Art. 33º

            Os recursos financeiros da Asociación estarán integrados por:

            1.- As cotas dos membros da Asociación.

            2.- As subvencións ou poidan serlle concedidas

            3.- As donacións e legados a favor da mesma.

            4.- As ventas dos bens e valores.

            5.- Os ingresos procedentes da venta de publicación e de prestacións de servizos.

            6.- Calquera outro recurso obtido de conformidade coas disposicións legais e preceptos estatutarios.

 

            Para cada exercicio económico formarase o presuposto ordinario de ingresos e gastos, con suxeición ás normas contidas nos presentes Estatutos.

 

Art. 34º

            A Xunta Directiva determinará  as normas para a administración e contabilidade, sendo ordenador de pagos o Presidente da Asociación.

 

            O tesoureiro intervirá tódolos documentos de cobros e pagos e supervisará a contabilidade, coidará da conservación de tódolos fondos na forma que dispoña a Xunta Directiva e firmará, xunto co Presidente, tódolos documentos de pago e cobro.

 

            A Asemblea arbitrará as medidas necesarias para que os asociados poidan coñecer o estado e a situación económica da Asociación.

 

TITULO V

DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

 

Art. 35º

            A Asociación disolverase cando o acorde a Asemblea Xeral co voto favorable dos dous terzos dos seus afiliados.

 

            No acordo de disolución fixarase o destino dos bens, dereitos, instalacións e servizos da Asociación que puideran quedar despois de atendidas as obrigas pendentes.

 

           

Art. 36º

            Salvo acordo en contrario da Asemblea Xeral, actuarán de liquidadores os membros da Xunta Directiva.

 

TITULO VI

MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS

 

Art. 37º (modificación reforma 2019)

 

            Os presentes estatutos porán modificarse en virtude de acordo da Asemblea Xeral, co voto favorable dos dous terzos dos presentes.

 

            O proxecto de modificación será proposto, alomenos, por un terzo dos asociados ou pola Xunta Directiva, e será remitido a tódolos membros da Asociación  xunto coa convocatoria de asemblea extraordinaria cunha antelación mínima de vinte días naturais. Os asociados disporán dun prazo de 7 dias naturais dende a notificación da mesma para presentar as alegacións que consideren oportunas.Estas complementarán a documentación da citada Asemblea.

 

 

 

 

 

 

 

TITULO VII

PROGRAMACIÓN

 

Art. 38º (modificación reforma 2024)

            O termo programación fai referencia á actividade que realiza a Asociación como representante dos seus asociados, cos médicos e o propio SERGAS,  para a través de reunións ou grupos de traballo, controlar e planificar as visitas que os asociados realizarán a distintos centros sanitarios e consultas de doutores na súa labor de visitadores médicos.

 

            Os asociados unicamente realizarán aquelas visitas programadas pola Asociación co     SERGAS ou/e cos médicos, ao ser esta a facultada para asumir dita tarefa de programación e control.

  

            A programación dos grupos ou centros sanitarios regulados por esta asociación farase telemática e individualmente por cada asociado, estándo únicamente restrinxidas as eleccions dos devanditos centros e grupos por condicións técnicas, cadencias dos mesmos, limitacions ou regulacións administrativas que poidan ser esixidas polas autoridades sanitarias. 

De igual forma, a xunta directiva poderá adoptar as medidas e cambios que estime necesarias na xestión das programacións dos asociados, en atención a circunstancias objxetivas urxentes ou sobrevidas, e dirixidas ó mellor desenrolo da actividade de visita médica, poidendo someter ditas modificacións a votación da propia Asamblea Xeral en reunión ordinaria.”

           

Art.38º (párrafo 4 queda derogado)

Art. 39º

            A Xunta Directiva determinará que persoa/as actuarán en nome da Asociación para acudir ás reunións ou grupos de traballo co SERGAS e os médicos que permitan fixar a programación das visitas ós centros sanitarios e consultas de doutores.

 

            Aquela persoa/s que asuma dita representación, comunicará directamente á Xunta Directiva a programación obtida ou pactada, sendo a Asociación a que custodiará a documentación que conteña dita programación e a que responderá  da súa entrega a cada un dos asociados coa frecuencia e termos que se pacte polos asociados en Asemblea Xeral. En todo caso, a cesión ou entrega da programación ós asociados, farase sempre seguindo criterios de maiorías, buscando o beneficio de tódolos socios e respectando a antigüidade dos mesmos á hora de asignar datas de visitas aos centros.

 

Art. 40º

            Obrigas e dereitos do asociados con relación a programación:

           

            40.1.- O asociado, cando recibe a programación da Asociación, debe recibila como un ben de uso persoal e intransferible, respondendo en caso de cesión dos datos proporcionados a terceiros.

            40.2.- Se tras recibir a programación, observa que existen visitas fixadas que non poderá realizar, antes do mesmo día as 8.30 horas, é obrigatorio que as anule, para  que se poida dispor dese traballo a favor doutros asociados, incorrendo en responsabilidades de non actuar así.

            40.3.- Como excepción a que non se programarán os días que sexan festivos locais do Concello de Lugo, aqueles socios que expresamente desexen que se lles entregue programación para eses días, deberán facelo constar a Xunta Directiva, que dará cumprimento a tal solicitude.

            40.4.- Cando  dun asociados non pode acudir á visita, DEBE ANULALA, coa antelación citada no apartado 40.2, e, de non facelo, se se formula denuncia contra o mesmo, aplicarase a normativa disciplinaria fixada nos presentes estatutos. De igual modo, se se acredita que a falta de anulación é reiterada, actuarase de oficio contra o asociados penalizándoo dun a seis meses  sen programación.

                        Ata que pola Xunta Directiva se reciba tal notificación, non se aceptará por esta a ningunha outra persoa como representante do laboratorio, sexa ou non asociado.

 

            40.5.- (Sen contido reforma 2019)

 

TITULO VII

RÉXIME DISCIPLINARIO

 

           

Art. 41º

            O exercicio da potestade disciplinaria recae na Xunta Directiva, quen coñecerá en primeira instancia das denuncias e expedientes instruídos contra os asociados. Asimesmo, contra a resolución ditada pola Xunta Directiva, o sancionado poderá acudir á Comisión Deontolóxica.

 

Art. 42º

            Os expedientes sancionadores incoaranse de oficio pola propia Xunta Directiva ou en virtude de denuncia.

            Incoado o expediente, notificarase ao expediente de acordo de incoación no que expresamente figurarán os feitos que se lle imputan, a graduación da falta ou infracción cometida e a sanción proposta. Nese mesmo intre darase trámite de audiencia ao expediente por prazo de dez días hábiles, para que formule alegacións e aporte os medios de proba que considere oportunos.

            De non formularse alegacións polo expedientado, ditarase resolución pola Xunta Directiva elevando a definitivo o acordo de incoación, na que se recolla a sanción imposta e os termos en que se levará a efectos.

            De existir alegacións, estudaranse as mesmas e ditaranse resolución pola Xunta  Directiva na que se resolvera o expedinte deforma motivada, indicando- no seu caso- a sanción imposta e os termos nos que se levará a efecto.

            Contra a resolución da Xunta Directiva, o expedientado poderá formular recurso ante a Comisión Deontolóxica no prazo dun mes desde que se lle notifique a resolución da Xunta Directiva.

            Contra a resolución da Comisión, o expedientado poderá acudir ante a Asemblea Xeral

 

Art. 43º

            As infraccións cometidas poden ser moi graves, graves e leves, prescribindo as moi graves ós cinco anos da súa comisión, as graves ós dous anos e as leves aos seis meses.

 

            Son infraccións moi graves:

  • Aquelas condutas que comprometan o bo nome da asociación e os seus asociados ante institución, organismos ou persoas.
  • A acumulación de tres faltas graves.
  • Aquelas condutas ou comportamentos que xeren conflitos que poidan levar ó prexuicio da Asociación e dos asociados na súa actividade profesional.

 

Son infraccións graves:

  • A acumulación de tres faltas leves.
  • A non anulación do plan de traballo nos supostos de non poder realizalo.
  • Aquelas condutas ou comportamentos que poidan causar prexuicios menores á Asociación ou ó  seus asociados.

 

Son infraccións leves:

  • A realización de visitas non programadas que prexudiquen o traballo doutros asociados.
  • Non respectar o turno de visita pasando diante doutros compañeiros que estean esperando.

 

Art. 44ª

  As infraccións moi graves sancionaranse coa suspensión temporal de dereitos de seis meses e un día a doce meses; as graves con suspensión temporal de dereitos dun a seis meses; e as leves con apercibimentos ou suspensión temporal de dereitos de un a vintenove días.

 

   Asimesmo, cando un asociado incorra reiteradamente na comisión de infraccións graves ou moi graves, a sanción será a expulsión da Asociación.

 

  Contra o acordo da Xunta Directiva, o asociado poderá recorrer contra a sanción que implique expulsión, ante a Asemblea Xeral directamente, e, nos demais supostos, deberá recorrer previamente ante a Comisión Deontoloxía. En calquera caso, as resolucións da Comisión poderán  ser recorridas ante a Asemblea Xeral tanto polo asociado como pola propia Asociación.

 

Art. 45º

   Réxime disciplinario relativo á programación:

A falta de anulación dunha visita programada ou o colarse nun grupo programado sen telo asignado, implicará a seguinte sanción:

  • 1ª vez: unha semana sen plan de traballo
  • 2ª vez: un mes sen plan de traballo
  • 3º vez: proposta á Comisión Deontolóxica de expulsión temporal da Asociación de 3 a 6 meses con pérdida dos dereitos de asociado.

 

Nestes supostos, a suspensión do plan de traballo, farase efectiva na programación seguinte.

  En todos os casos, será precisa a tramitación de expediente disciplinario incoado de oficio ou a instancia de parte, que finalizará mediante unha resolución motivada que será susceptible de recurso ante a xurisdición ordinaria.

  Da resolución que poña fin á tramitación do expediente, no suposto en que sexa sancionadora  a Xunta directiva está lexitimada para informar dos termos da sanción tanto aos centros sanitarios como aos médicos afectados pola mesa, así como a aqueles asociados que consideren teñen un interés directo ou sufriron algún tipo de prexuicio pola actuación do sancionado.

 

Art. 46ª

   Réxime disciplinario relativo a conflitos externos.

   Cando o comportamento dun asociado xenere un conflito externo, isto é, co médico ou co persoal do centro sanitario ó que acude de visita, e como consecuencia da resolución de dito conflito se desprenda algún tipo de prexuicio para a Asociación, ou mesmo resulte sancionada, dentro de ámbito da Asociación iniciarase un expediente disciplinario cuxa proposta de sanción será a expulsión, ademais de iniciarse as actuacións legais  precisas para esixir responsabilidades, se houbera dereito ás mesmas.

 

Art. 47º

  A COMISIÓN DEONTOLÓXICA  é un órgano que forma parte da Asociación e está composta por cinco membros, que serán renovados cada dous anos.Os tres membros distribuiranse nun presidente, un secretario e un vocal, sendo elixido o presidente pola Asemblea Xeral e, aceptado o seu cargo, será o propio presidente da Comisión o que designe ás persoas que ostentarán os cargos de secretario e vocal.

 

  A función da Comisión é resolver as diferencias de interpretación ou desacordos que xurdan entre os asociados e a Xunta Directiva en materia de réxime disiciplinario, sendo a súa decisión ou resolución susceptible de recurso ante a Asemblea Xeral no prazo dun mes desde a data da notificación.

 

  Naqueles supostos en que un dos membros da Comisión poida ter un interés directo ou un vínculo afectivo ou familiar co asociado/a que solicita a intervención da Comisión ou se ve afectado pola mesma, deberá ser relevado no estudio do asunto e carecerá de voz e voto na tramitación. Dita relevación pode adoptarse de oficio pola propia Comisión ou ben ser solicitada polo asociado afectado ou polo membro da Comisión. Neste suposto, ocupará o posto do membro relevado o asociado mais antigo da asociación a esa data (entendendo a antigüidade por tempo de pertenza á asociación, non por idade do asociado)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

TITULO VIII

FEDERACIÓN CON OUTRAS ASOCIACIÓNS

 

Art. 48º

   Esta Asociación poderá federarse con outra ou outras asociacións de traballadores que teñan similares fins, a efectos da defensa dos intereses xerais e común dos mesmos, ben sexa a nivel provincial, rexional ou nacional. Pero elo, requirirá acordo da Asemblea Xeral co voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes.

 

Unha vez formen parte dunha federación, a Asociación de Visitadores Médicos de Lugo estará  representada pola persoa designada a tal fin pola propia Asemblea Xeral mediante acordo adoptado no mesmo acto no que se acorde a federación.

O representante  da Asociación, na súa actuación nos actos e reunións da federación ou nova asociación, seguirá os ditamines dados pola propia Xunta Directiva da Asociación. A propia Xunta Directiva someterá a consulta da Asemblea Xeral o seu posicionamento respecto a aqueles temas que se consideren de maior transcendencia para os asociados.

ALUVIME
La verdadera razón de ser de nuestra página Web es mejorar la imagen y servicios de ALUVIME
Acceso a usuarios
¿Olvidó su contraseña?
Contacto
Rúa Monforte 9, Entresuelo Oficina 105
27003 - Lugo
TEL.: 603 12 64 57
aluvime@aluvime.com